Monday 06 de May de 2024

Inés Rey preside a constitución do novo pleno do Consello Municipal do Deporte


A entidade municipal permitirá aos diferentes axentes do deporte coruñés ter voz no desenvolvemento das políticas municipais do sector

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta tarde a sesión constitutiva do novo pleno do Consello Municipal do Deporte, que se renova para este novo mandato. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Deportes e vicepresidente primeiro do Consello, Manuel Vázquez, e o xefe do servizo de Deportes e secretario do Consello, Pablo Castedo. Na mesa presidencial estivo tamén Fernando Blanco, nomeado vicepresidente segundo do Consello. Na asemblea houbo numerosas modalidades deportivas representadas. “A Coruña non se entende sen deporte. Somos un referente en moitas especialidades e contamos con grandes embaixadores neste eido”, sinalou Inés Rey.

Coa constitución do novo pleno do Consello as entidades e asociacións deportivas da cidade, moitas delas representadas hoxe na sesión celebrada no Centro Sociocultural Ágora, poderán intervir directamente no deseño das políticas deportivas da cidade. Inés Rey destacou a importancia deste órgano de participación, que impulsou desde que chegou ao Goberno municipal. “Para mellorar, dinamizar e potenciar o deporte coruñés é necesaria a participación dos axentes deportivos. Dedicarlles un espazo de participación propio aos axentes deportivos é dar voz ás diferentes dimensións do deporte”, apuntou a alcaldesa.

A rexedora sinalou que as entidades e asociacións deportivas terán un papel fundamental nos máis importantes proxectos que se desenvolverán durante os vindeiros anos desde a Concellaría de Deportes, como o Plan Director de instalacións deportivas. “Este plan director contará coas aportacións de todos vós para mellorar as nosas, e as vosas, infraestruturas”, apuntou.